Thursday 16 de May de 2024

A Xunta realiza actuacións de conservación e limpeza nos tritos interurbanos do río Cambeda no concello de Vimianzo


Os traballos estanse a desenvolver en distintos tramos do río ao seu paso polas parroquias de San Xoán de Cambeda, San Xoán de Calo e San Vicenzo de Vimianzo

Os treitos obxecto das intervencións suman unha lonxitude total de 6,5 km

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, executa actuacións de conservación e limpeza nos treitos interurbanos do río Cambeda, no concello de Vimianzo.

Estes traballos estanse a desenvolver en varios treitos deste río, ao seu paso por distintos lugares das parroquias de San Xoán de Cambeda, San Xoán de Calo e San Vicenzo de Vimianzo.

As actuacións neste río desenvólvense ao longo de treitos que suman unha lonxitude total de 6,5 quilómetros.

As tarefas céntranse na retirada de árbores e pólas caídas na canle, así como madeira morta para evitar atoamentos. Unha vez finalizadas estas actuacións o río quedará despexado de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.

Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial Galicia-norte e as súas zonas de acceso e protección.

Os traballos contribúen a mellora dos leitos fluviais para acadar condicións naturais do ecosistema que favorezan os aspectos medioambientais e de uso social na contorna do río.